O currículo
O currículo é a principal ferramenta da que dispón un candidato para optar a un posto de traballo. Este documento achegaralle ao empregador os seus datos persoais, así como un breve informe dos seus coñecementos e experiencia profesional. Os responsables da selección de persoal dunha empresa poden recibir centos de currículos para unha mesma oferta. Por iso cómpre captar a súa atención. É posible que os currículos mal presentados, ou demasiado extensos, vaian directamente ao lixo.
O currículo pode determinar o feito superar unha primeira selección e ser convocado para unha entrevista persoal. Por iso, cómpre coidar ao máximo determinados aspectos, procurando que sexa:
- Claro: O currículo debe estar ben organizado e seguir un esquema lóxico, ser lexible e comprensible. Non debe presentarse manuscrito agás nos casos nos que a oferta o requira expresamente.
- Conciso: Só debe incluír a información precisa e relevante, relacionada co posto de traballo ofertado.
- Completo: Debe achegar todos os datos que o encargado da selección pode precisar para tomar unha decisión con respecto da solicitude.
- Coherente: O currículo debe seguir un mesmo esquema de principio a fin. Por exemplo, se a formación académica se presenta da máis recente á máis lonxana no tempo, haberá que facer o mesmo coa experiencia profesional.
- Actualizado: Os datos presentados no currículo deben ser recentes. Cómpre modificalo periodicamente para incorporar novos cursos, traballos desenvolvidos, etc.
Ademais de atender a estes principios básicos, cómpre estruturar a información en bloques temáticos do seguinte xeito:
- Data: Data de presentación / redacción do currículo. Pode ser útil no caso de que a empresa garde os currículos dos non seleccionados para cubrir prazas vacantes nun futuro.
- Datos persoais: Nome e apelidos, lugar e data de nacemento, estado civil, enderezo postal, correo electrónico, fax, etc.
- Formación académica: Títulos obtidos indicando o centro, lugar e data correspondentes. Se non optas pola orde cronolóxica sitúa en primeiro lugar os estudos relacionados co traballo ao que aspiras.
- Experiencia laboral: Datas, nome da empresa, tarefas desenvolvidas, etc.
- Idiomas: Nivel oral e escrito e títulos obtidos, no caso de dispoñer deles.
- Informática: Dominio de programas, linguaxes de programación, internet, etc. Convén centrarse nas ferramentas máis útiles para o desenvolvemento do traballo ofertado.
- Outros datos de interese: Afeccións, actividades complementarias, deportes, etc. Por medio deste apartado o encargado da selección poderá saber se es creativo, tes capacidade de decisión, es apto para o traballo en equipo...
Consellos obtidos do portal
GaliciaEmpleo.net.
Modelos de currículos
Se queres, podes descargar ao teu computador este
modelo de currículo. Está baseado nas directrices elaboradas pola Unión Europea, que podes consultar nesta
páxina web.
<< Voltar á páxina de emprego